Firma convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Feuga

Xunta e Feuga colaborarán na transferencia de coñecemento e no posicionamento internacional das universidades galegas

O conselleiro de Cultura e Educación e o director xeral da Fundación asinaron un convenio dotado con máis de 2,9 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director xeral da Fundación Empresa-Universidade Gallega (FEUGA), Francisco Javier Pereiro Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que as partes colaborarán na transferencia de coñecemento e no posicionamento internacional do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deste xeito dáse continuidade ao acordo asinado no 2016 para incrementar as posibilidades de que a investigación universitaria galega accedese a proxectos europeos.
Nesta ocasión, ademais de incrementarse o orzamento e a vixencia do convenio (ata máis de 2,9 millóns de euros e catro anos), incorpóranse tres novas liñas de acción. Súmanse, en todo caso, á dirixida ao posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos do SUG (2018-2020) para promover a participación de grupos de investigación do SUG en proxectos europeos.

Xestión de centros de excelencia
A primeira das novas liñas de acción, xa contemplada no Plan de Excelencia Universitaria 2020, irá dirixida á creación de dous programas formativos, GESCI e GOSCI, de desenvolvemento de competencias en xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia, dirixidos a cargos directivos e intermedios dos centros e unidades de investigación de excelencia. Ambos son programas pioneiros en España, dos que se celebrarán tres edicións ao abeiro deste acordo.
Trátase, explicou o conselleiro, “dunha medida moi importante porque Galicia conta neste momento cunha masa investigadora moi ampla, pero precisa formación en xestión estratéxica e operativa para avanzar no éxito da xestión dos centros e os seus proxectos”. Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que, para deseñar estes programas, estase traballando cos mellores especialistas de España na materia, e que no seu desenvolvemento contarán con poñentes de primeiro nivel. “Esta acción ten un peso estratéxico para o sistema de investigación universitaria en Galicia, un eido no que desde 2009 temos investido máis de 500 millóns de euros”, incidiu.

Perfís profesionais
Outra das accións novidosas, e contemplada tamén no Plan de Excelencia Universitaria, ten por obxecto realizar un estudo de prospectiva de tendencias globais e sectores estratéxicos con impacto no emprego de Galicia, co obxectivo de desenvolver un catálogo completo de perfís profesionais de futuro. Esta liña entronca directamente co novo mapa de titulacións e especialidades universitarias para o SUG que a Consellería está a consensuar coas universidades, e que busca axustarse ás necesidades e esixencias da sociedade e o mercado galegos na vindeira década.
Neste sentido, agárdase que esta acción redunde nunha maior empregabilidade para os futuros titulados e en que os sectores produtivos conten con profesionais mellor formados.

Preavaliación de tecnoloxías
Por último, o convenio contempla a creación e implantación dun proceso para a detección e preavaliación de tecnoloxías procedentes do SUG cun elevado potencial de transferencia ao mercado.
A través desta acción búscase crear un proceso estándar no nivel rexional para a detección de tecnoloxías con potencial de transferencia, mellorar a comunicación e estandarizar procesos e metodoloxías entre as diferentes entidades xeradoras de coñecemento e priorizar accións de transferencia e pasos a seguir coas tecnoloxías detectadas mediante o proceso definido.

Balance
A colaboración con FEUGA neste eido iniciouse en 2016, detectando potencialidades nos grupos en Galicia e promocionando o SUG en Bruxelas, e buscando oportunidades cara aos proxectos do Horizonte2020.
Feuga adheriuse neste tempo a 16 iniciativas a nivel europeo co obxectivo de posicionar aos investigadores do SUG ante as convocatorias 2018-2020, facilitando a visibilidade das tres universidades e os seus investigadores, así como contactos con socios clave.
A comparativa entre oportunidades en abril de 2018 respecto a 2017 é moi relevante. En abril de 2017 había en preparación, negociación ou avaliación 32 propostas; un ano despois elevábase a cifra ata 65, cunha mellora de propostas nas tres universidades. Ademais, desde a posta en marcha do convenio tres proxectos do SUG captaron fondos europeos, en total máis de 653.000 euros.
O conselleiro valorou moi positivamente o resultado das accións desenvolvidas e explicou que a sinatura deste segundo convenio contribuirá a dar máis visibilidade a nivel europeo e internacional aos investigadores galegos e a mellorar a formación estratéxica das persoas que dirixen centros e unidades de investigación. Así mesmo, explicou que esta colaboración será moi relevante para o desenvolvemento do Plan de Excelencia Universitaria 2020.