As titulacións de futuro en Galicia, a debate en La Voz de Galicia

La Consellería de Educación y la Fundación Empresa Universidade Galega han elaborado un nuevo catálogo de perfiles profesionales

O pasado 26 de setembro La Voz de Galicia organizou un debate sobre os novos perfís profesionais de futuro, no que participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e o director da Fundación Empresa Universidade Galega, Francisco Javier Pereiro Pérez, que actualmente se atopan desenvolvendo o proxecto Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións universitarias. No devandito debate participou tamén Patricia García, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, entidade colaboradora do proxecto.

O proxecto Galicia 2030 xa completou a súa primeira fase, tras analizar as tendencias tecnolóxicas, socioeconómicas e ambientais que máis impactarán a Galicia, seleccionar os sectores que xerarán máis emprego a futuro e traballar co tecido empresarial nos novos perfís profesionais e competencias que se requirirán na próxima década. Neste proceso participaron máis de 400 empresas e entidades da Comunidade Autónoma e o resultado foi o desenvolvemento dun Catálogo de Perfís Profesionais de Futuro. Este documento, que incorpora os perfís con maior demanda nos próximos anos, servirá como base da segunda parte do proxecto para definir as titulacións universitarias de futuro para Galicia.

Segundo o secretario xeral, «A maior parte dos traballos do futuro aínda non se estudan nas universidades». Por iso, o proxecto profunda na necesidade de coñecer «que traballos necesítanse en Galicia e cales xerarán emprego de aquí a 2030». O proxecto Galicia 2030, engadiu Díez de Castro, é unha iniciativa «inédita en Galicia e no resto de España».

O director de Feuga, Javier Pereiro, subliñou que «é fundamental que os titulados galegos teñan competencias persoais» porque «estamos falando do desenrolo de entornos complexos, de adaptabilidade ao cambio, de creatividades, de innovación ou de intelixencia emocional». Sobre a segunda fase do proxecto, Pereiro avanzou que «hai que conseguir que sexa continuo e que as empresas colaboren de forma permanente co ámbito universitario para definir as titulacións que son necesarias». O director de Feuga resumiu que «non queremos definir perfís futuristas, senón as titulacións de futuro para Galicia».

A presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, falou de «garantía de éxito do estudo» por «poder dicir que antes do 2030 imos ter aos traballadores que realmente necesitamos nas empresas». García cualificou o modelo de «robusto» porque «vén a cambiar unha forma de establecer as titulacións. Ata o de agora non mesturábamos as humanidades coas ciencias. Estamos a romper totalmente o modelo».