O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou onte na xornada de presentación dos resultados do proxecto Galicia 2030: Perfís Profesionais de Futuro e Novas Titulacións e Especialidades Universitarias.

O director xeral de Feuga, Francisco Javier Pereiro, foi o encargado de inaugurar este evento cunha exposición do proceso de traballo realizado e os principais resultados alcanzados, entre os que se destaca a definición de 15 novas titulacións para o  SUG en ámbitos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, o vehículo autónomo ou a intelixencia artificial.

O evento tamén contou coa participación do director xeral de estratexia de Televés, José Luis Fernández Carnero en representación do tecido empresarial, así como do Presidente do  Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa e do Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso en representación do ámbito universitario.

A iniciativa Galicia 2030: Perfís Profesionais de Futuro e Novas Titulacións e Especialidades Universitarias, pioneira a nivel nacional, que analizou na súa primeira fase o impacto das tendencias e factores globais de cambio na actividade económica e o emprego da Comunidade e determinou os roles profesionais con máis demanda a futuro en Galicia, culmina a súa andaina coa presentación do seu último  entregable, o informe “Proposta de Novas Titulacións para o  SUG”, no que se definen as titulacións que permitirán dar resposta ás necesidades formativas asociadas aos novos perfís profesionais identificados.

Durante a presentación, Alberto Núñez Feijóo aseverou que as universidades demostraron o seu gran papel como motores no desenvolvemento e afirmou “agora é preciso non perder o compás do futuro que nos agarda e seguir adaptándose aos novos retos” ao que contribuirá sen dúbida este proxecto. O Presidente da Xunta se referiu na súa intervención tamén á implantación destas titulacións no  SUG que situou temporalmente no curso 2023/24, tras o proceso de negociación e a tramitación administrativa pertinente.

A exposición de Javier Pereiro, ilustrou o desenvolvemento do proxecto destacando o importante carácter participativo do mesmo coa realización de entrevistas a máis de 80 expertos e a participación de máis de 200 empresas e o seu amplo traballo de campo que se concretou na análise de 97 titulacións do  SUG e de 178 titulacións internacionais de 106 universidades de 25 países distintos. Así mesmo, destacou entre as principais conclusións do proxecto a necesidade de aumentar e fortalecer a colaboración con empresas, a relevancia de consolidar a formación en competencias transversais e en competencias dixitais, tanto básicas como avanzadas, e a imprescindible ruptura das fronteiras entre as titulacións, para favorecer a formación de profesionais capaces de dar resposta á complexa e incerta contorna que se espera a futuro.