Carmen Pomar presenta o Catálogo de perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2019.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o director da Fundación Empresa Universidade Gallega (FEUGA), Javier Pereiro, presentaron esta mañá o Catálogo de perfís profesionais de futuro, desenrolado dentro do Proxecto G2030, coa finalidade de definir un conxunto de novas titulacións e especialidades universitarias acordes coas necesidades e esixencias da sociedade e do mercado vindeiros.

O punto de partida para responder ás necesidades de emprego cualificado das próximas décadas foi a identificación das macrotendencias (tecnolóxicas, ambientais e socioeconómicas) e os factores de cambio globais con maior peso e recoñecemento experto a nivel internacional, realizando a continuación unha análise exhaustiva de como esas tecnoloxías emerxentes, tendencias e factores globais de cambio están a impactar nos sectores de actividade do noso territorio. Como resultado deste profundo labor de análise seleccionáronse 22 sectores de actividade, que abranguen un volume de arredor do 75 % do emprego galego e do 90 % do PIB da rexión. Para cada sector de actividade realizouse unha aproximación aos roles profesionais de futuro. A partir dunha lista preliminar ampla de máis de 150 roles levouse a cabo a selección de 30 roles profesionais de futuro, baseada en valoracións cuantitativas e cualitativas obtidas nas actividades participativas do proxecto, que están aliñados coa realidade e as necesidades de emprego dos próximos anos do tecido empresarial e social de Galicia. O resultado son dúas categorías de roles:

Roles transversais: aqueles que pola súa transversalidade ou por ser demandados por un maior número de sectores se prevé que xeren unha maior volumetría de emprego a futuro. Os roles identificados son os seguintes: Arquitecto big data; Científico de datos; Técnico, experto ou especialista en automatización industrial; Técnico, experto ou especialista blockchain; Técnico, experto ou especialista en ciberseguridade; Técnico, experto ou especialista en economía circular; Técnico, experto ou especialista en experiencia do cliente; Técnico, experto ou especialista en fabricación aditiva; Técnico, experto ou especialista en intelixencia artificial; Técnico, experto ou especialista en IoT; Técnico, experto ou especialista en materiais avanzados; Técnico, experto ou especialista en nanotecnoloxía; Técnico, experto ou especialista en realidade estendida; Técnico, experto ou especialista en robótica; Técnico, experto ou especialista en sistemas aéreos non tripulados; Técnico, experto ou especialista en sistemas de tempo real.

Roles específicos: aqueles que pola súa incidencia específica poden resultar críticos para o desenvolvemento futuro dun sector ou dun número acoutado de sectores, xerando tamén demanda de emprego nos próximos anos. Os roles identificados son os seguintes: Avogado tecnolóxico; Biotecnólogo de alimentos; Deseñador de órganos e tecidos; Técnico, experto ou especialista en construción sustentable; Técnico, experto ou especialista en cronicidade e novos modelos de atención; Técnico, experto ou especialista en e-health; Técnico, experto ou especialista en goberno dixital; Técnico, experto ou especialista en innovación educativa; Técnico, experto ou especialista en sistemas alternativos de propulsión; Técnico, experto ou especialista en smart grids, Técnico, experto ou especialista en téxtiles intelixentes; Técnico, experto ou especialista en tratamento avanzado de augas; Técnico, experto ou especialista en vehículos autónomos; Xenómico.

Cómpre resaltar a actividade de contraste (entrevistas con expertos, cuestionarios Delphi, obradoiros de expertos sectoriais) realizada con máis de 425 expertos procedentes da Administración, a Universidade e o tecido empresarial, que achegaron o seu coñecemento e experiencia para axudar a construír de xeito activo a realidade galega dos próximos anos.

Conclusións sectoriais
O impacto das principais macrotendencias globais no tecido empresarial e institucional galego converterase na fonte de creación de emprego máis relevante dos próximos anos, xerando unha ampla variedade de novos roles profesionais.

O mercado laboral dos próximos anos estará liderado polos profesionais STEAM.
Os perfís profesionais directamente vinculados co impacto de tendencias tecnolóxicas como a IoT, o big data, a ciberseguridade, a automatización, a robótica e a intelixencia artificial ou a realidade virtual e aumentada xurdirán na práctica totalidade dos sectores da economía galega. A necesaria asunción por parte das empresas de retos ambientais, así como o forte impacto de tendencias sociais e económicas tamén xerarán emprego no mercado laboral galego dos próximos anos.

Os sectores da economía galega onde se estima que haberá un maior crecemento de emprego neto de titulados universitarios son saúde, TIC, sector público, biotecnoloxía e educación, e agruparán conxuntamente en torno ao 70 % do emprego de titulados superiores de Galicia.

As competencias persoais seguirán sendo diferenciais e determinarán a futuro a empregabilidade dos titulados universitarios en Galicia. Novas áreas como as humanidades dixitais farán que non só a tecnoloxía resulte chave para abordar con éxito os novos retos e desafíos de século XXI.

Conclusión académicas
Aliñar a oferta do sistema educativo universitario galego coas demandas do tecido empresarial resultará crítico a futuro para garantir a empregabilidade dos seus titulados.

O desenvolvemento de novas modalidades de titulacións será unha das tarefas urxentes a realizar pola universidade nos próximos anos. Os expertos consideran chave os graos xeneralistas e a especialización a través de másters e cursos, apostan por graos e másters duais, e os graos mixtos e dobres, que aglutinan os coñecementos de varias disciplinas.

A universidade galega do futuro ha de ser máis flexible e adaptable, así como apostar pola excelencia a todos os niveis.

 

Na segunda fase do proxecto realizarase unha análise exhaustiva do mapa actual de titulacións do Sistema Universitario Galego, que se cotexará co catálogo, así como unha análise benchmark internacional de universidades e titulacións de interese. A continuación definirase unha proposta preliminar de novas titulacións e especialidades para Galicia que será sometida a contrastes con expertos da contorna empresarial e académica galega. Esta será a base da proposta de iniciativa de novas titulacións e especialidades universitarias para o horizonte temporal 2030.