Expertos da industria galega reúnense para definir os perfís profesionais do futuro

Ao longo de xaneiro de 2019, preto de 90 expertos de distintos sectores participaron nas mesas de traballo organizadas baixo o marco do proxecto Galicia 2030. Estas mesas teñen o obxectivo de profundar na definición e caracterización dos roles profesionais de futuro.

As mesas sectoriais que se celebraron ao longo destas semanas son: agroalimentación, saúde e benestar social, xestión de residuos e ciclo da auga, biotecnoloxía, madeira, servizos profesionais, mar e industria, enerxía e naval. Nelas participaron as principais empresas de cada sector, as súas agrupacións industriais ou organizacións máis representativas, así como pemes e spin-offs caracterizadas pola súa aposta pola innovación.

Durante estas sesións, os expertos debateron sobre os perfís profesionais identificados para cada sector nas anteriores fases do proxecto, que priorizaron segundo o seu impacto a futuro no emprego. A partir de aquí, organizados por grupos, construíron os roles máis relevantes, identificando as principais KETs, competencias técnicas e persoais que lles son de aplicación.

Os asistentes tamén determinaron o escenario de proxeccións de emprego con maior probabilidade de materialización no horizonte 2030.

Este input é de enorme valor para a elaboración do catálogo de perfís profesionais de futuro, un dos principais fitos desta iniciativa e que culminará a primeira fase do proxecto.

O proxecto Galicia 2030, desenvolto por FEUGA e impulsado pola a Conselleria de Educación, Universidade e Formación Profesional, ten como obxectivo adaptar as titulacións e especialidades universitarias ás necesidades e esixencias da sociedade e o mercado laboral dos próximos anos.


Mesas sectoriais celebradas na Sede FEUGA en Santiago de Compostela e na Sede Afundación de Vigo