FEUGA DESENVOLVE UN GRUPO DE TRABALLO DE SECTORES ESTRATÉXICOS PARA GALICIA DENTRO DO MARCO DO PROXECTO “G2030: PERFÍS PROFESIONAIS DE FUTURO, E NOVAS TITULACIÓNS E ESPECIALIDADES UNIVERSITARIAS”
O proxecto “G2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias” , impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, pretende realizar unha análise prospectiva e de tendencias con impacto no emprego de Galicia que permitirá desenvolver un catálogo completo de perfís profesionais de futuro e definir sobre esa base un conxunto de novas titulacións e especialidades universitarias acorde coas necesidades e esixencias da sociedade e o mercado laboral vindeiros.
Dentro do marco da devandita iniciativa, a Fundación Empresa- Universidad Gallega, FEUGA, como entidade organizadora e operativa do proxecto, desenvolveu o pasado 14 de maio, un grupo de traballo para analizar e validar a identificación realizada no marco do proxecto dos sectores e subsectores con maior capacidade, actual e futura, de tracción da economía e o emprego da nosa comunidade, como base para a posterior priorización de sectores sobre os que traballar no catálogo de profesións de futuro a elaborar.
Nesta actividade participaron un nutrido grupo de expertos e interlocutores relevantes do noso territorio que proporcionaron opinións, experiencias e información de gran valor para a consecución dos obxectivos do proxecto.
Ao longo da execución deste proxecto, que se prolongará ata setembro de 2019, FEUGA estima que máis de 600 axentes de diferentes ámbitos e sectores participen no mesmo, dotando á devandita iniciativa dun carácter altamente participativo e colaborativo.
Esta iniciativa pretende consolidar a Galicia como territorio e sociedade competitiva respondendo así aos desafíos tecnolóxicos e globais, maximizar o aproveitamento das novas oportunidades e acadar a modernización da economía, a competitividade e o progreso social.