Xornada de presentación do proxecto

O Auditorio do Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura albergará a presentación do proxecto “Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias”

O acto terá lugar o vindeiro mércores 4 de xullo, e contará coa intervención de relatores expertos da contorna empresarial, universitaria e de RRHH.

 

O próximo 4 de xullo presentarase o proxecto “Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias”, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con FEUGA, que pretende realizar unha análise prospectiva e de tendencias con impacto no emprego de Galicia. Este estudo permitirá desenvolver un catálogo completo de perfís profesionais de futuro e definir sobre esa base un conxunto de novas titulacións e especialidades universitarias acorde coas necesidades e esixencias da sociedade e o mercado laboral vindeiros.

O acto terá lugar no Auditorio 1 do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura a partir das 10:45h e contará coa presenza de representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Secretaría Xeral de Universidades.

Ao longo da xornada, representantes empresariais, universitarios e de recursos humanos involucrados no proxecto discutirán nunha mesa redonda sobre o emprego universitario de futuro, poñendo o foco nas principais macro -tendencias e factores de cambio globais que impactarán no emprego así como as novas competencias que o mercado demandará aos profesionais do futuro.

Este proxecto de carácter participativo pretende construír a base para consolidar a competitividade de Galicia e dotar ao territorio da capacidade de responder aos desafíos tecnolóxicos e globais, optimizar o aproveitamento das novas oportunidades e acadar a modernización da economía, a competitividade e o progreso social.

Para iso, un nutrido grupo de expertos de carácter institucional xa se reuniu o pasado 14 de maio para analizar e validar a identificación dos sectores e subsectores con maior capacidade, actual e futura, de tracción da economía e o emprego da nosa comunidade.