O Conselleiro de Educación preside a presentación do proxecto Galicia 2030

Representantes da Administración, Universidades e empresas e clústeres de Galicia reúnense para presentar o proxecto Galicia 2030
– O proxecto presentouse o 4 de xullo no Centro de Innovación Cultural do Gaiás e foi presidido polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez
– Expertos do mundo empresarial, universitario e asociativo compartiron as súas experiencias e puntos de vista sobre as tendencias que afectan o emprego do futuro

O proxecto Galicia 2030. Perfís profesionais de futuro, e novas titulacións e especialidades universitarias estudará as necesidades das titulacións das universitarias galegas que se implantarán a partir do 2021. O proxecto, impulsado pola Consellería de Educación e desenvolvido pola Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA), foi presentado o mércores 4 de xullo no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura.
O acto, presidido polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, contou coa participación de Francisco Javier Pereiro Pérez, director xeral de FEUGA, así como a vicerreitora de titulacións da USC, María Vitoria Otero Espinar; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e representantes das universidades galegas e de empresas e clústeres.

Esta aposta polo emprego e a formación académica universitaria foi definida polo Conselleiro de Educación como unha “alianza estratéxica” entre a Administración, as Universidades e as empresas de Galicia que permita “formar aos mozos de hoxe para empregos que aínda non existen”.
María Vitoria Otero destacou a relevancia deste estudo á hora de actuar con seguridade na toma de decisións e avanzar en mellorar a empregabilidade de futuros titulados.
Pola súa banda, Pereiro Pérez presentou o plan de traballo para elaborar “un catálogo de profesións de futuro e unha proposta de novas titulacións e especialidades para o SUG”. O proxecto “ambicioso e integral” conta coa participación de máis de 600 expertos con perfís complementarios, que achegan os seus coñecementos e experiencias para adecuar a formación académica e universitaria aos “cambios que trae a revolución tecnolóxica e que modifican a actividade empresarial”.

Durante o evento celebrouse unha mesa redonda na que representantes do mundo empresarial e as universidades debateron sobre o emprego universitario do futuro e os cambios tecnolóxicos, sociais e económicos que definirán a empregabilidade dos próximos anos.
O encontro tamén contou coa intervención de Margarita Álvarez Pérez de Zabala, fundadora e directora xeral do Observatorio de Innovación no Emprego (OIE), sobre os cambios que se están producindo e que se producirán no tecido empresarial.